Verdegaia e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) rexeitan o edificio de socorrismo e escola de surf previsto nas dunas de Doniños por afectar a hábitats e especies protexidos (entre outras especies, a dous endemismos exclusivos da costa de A Coruña).
Costas de Galicia e o Concello de Ferrol presentaron o pasado
luns ó Consello Sectorial de Medio Ambiente os cambios introducidos
no proxecto da nova caseta de socorrismo e escola de surf que Costas
construirá en Doniños e escola de Surf (Proxecto publicado na
revista Plataforma Arquitectura o 27 de xaneiro co título: Proyecto
Instalaciones Actividades Nauticas Playa Doniños / Manuel Fonseca
Gallego).
SGHN e Verdegaia rexeitan
o proxecto nos seus actuais termos porque, tanto o emprazamento
previsto para o edificio de salvamento e escola municipal de surf
como a rexeneración dunar proxectada, resultan inaxeitados desde o
punto de vista ambiental, ao vérense directamente afectados diversos
hábitats naturais e especies de interese comunitario, legalmente
protexidos, presentes no espazo dunar afectado polo proxecto. Entre
as especies botánicas de relevancia, cómpre destacar os endemismos
Omphalodes littoralis subsp. gallaecica
e
Linaria poligalifolia susp. aguillonensis,
catalogadas en perigo de extinción (Decreto 88/2007, de 19 de abril,
polo que se regula o Catálogo galego de Especies Ameazadas). De
feito, no apartado 2.1.6.3.3. do Estudo de Impacto Ambiental (en
diante E.I.A.), recoñécese que "(...)
también se ha
constatado su presencia en la zona donde se proyecta la construcción
de las instalaciones, incluida en la unidad paisajística denominada
ambiente dunar alterado".
Estas dúas especies botánicas son endemismos
exclusivos da costa coruñesa, están
catalogados pola UICN "En perigo" e están incluídas no "Atlas
y libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España". Esta
publicación informa que as últimas poboacións de Omphalodes
littoralis viven nalgúns dos sistemas
dunares coruñeses mellor conservados cunha área de ocupación
reducida e cita expresamente á Praia de Doniños como un dos lugares
nos que a súa presenza se rarificou.
O "Atlas y libro Rojo de la Flora Vascular
Amenazada de España" menciona como
ameazas a adecuación das praias con fins turísticos, o pisoteo e
os deportes motorizados e propón como medidas de protección, entre
outras, impedir a urbanización ou establecemento de infraestruturas
sobre as súas poboacións
Por outra banda,
débese considerar ademais que o
edificio proxectado sobre o espazo dunar de Doniños, destinado a
salvamento e escola municipal de surf ,
é unha instalación auxiliar para vestiarios, oficina e almacén que
non ten por que situarse necesariamente nun lugar onde se teña que
divisar a beiramar, como se afirma no proxecto, dado que o persoal de
salvamento debe percorrer a praia ou vixiar desde as cadeiras de
observación instaladas ao longo da mesma, quedando garantido de
forma efectiva o servizo de vixiancia. Hai que resaltar ademais, que
o Concello de Ferrol ofrece servizo de salvamento só durante os
meses de xullo e agosto, polo que sería máis recomendable utilizar
instalacións provisionais durante eses dous meses e non ocupar
permanentemente un lugar tan sensible.
Co pretexto de ter que situar o devandito edificio
nun lugar desde o que se poda divisar a beiramar, o que realmente se
persegue é dispoñer dunha tribuna para presidir as competicións de
surf e
outras actividades náuticas; o que resulta inadmisi ble cando iso
conleva a degradación e/ou destrución de hábitats naturais e de
especies legalmente protexidos que motivaron a inclusión deste
espazo dunar na Rede Natura 2000 (estaríamos facendo todo o
contrario do que o "Atlas y libro Rojo de la Flora Vascular
Amenazada de España" propón).
Verdegaia e SGHN queren
deixar claro que non teñen nengunha xenreira contra o surf,
considerado como un deporte náutico non agresivo coa contorna
natural. Pola contra, as competicións deste deporte si ocasionan
un importante impacto ambiental cando numerosas persoas se concentran
no sistema dunar para observar aos/as surfistas degradando, como
consecuencia, a vexetación psamófila. A situación agrávase cando
se pretende construír un edificio auxiliar como o que nos ocupa en
hábitats dunares protexidos legalmente.
Despois de que a Demarcación de Costas en
Galicia procedese á demolición de varias edificacións no sistema
dunar de Doniños polo seu impacto ambiental e por vulnerar a
legalidade, resulta incongruente que agora promova no mesmo espazo
(independentemente de que se efectúe fóra do Dominio Público
Marítimo-Terrestre) a construción dunha nova edificación que,
ademais de degradar e/ou eliminar hábitats naturais e especies
legalmente protexidos, perpetuaría a antropización deste
ecosistema. De feito, no apartado 3.4.1.3. do E.I.A., recoñécese
que "La ubicación de la
edificación proyectada, en un sector de dunas remontantes (...)
supone una alteración de la morfología dunar y su dinámica
sedimentaria, patente ya en la fase de obras (...)".
Ademais, a
suposta integración do edificio
no espazo dunar semella estar abocada ao fracaso, tal e como se pon
de manifesto no apartado 5.3. do Estudo Florístico do E.I.A., no que
se afírma que "El problema
principal está en el recubrimiento de la parte superior del
edificio, supuestamente con vegetación del entorno. Las condiciones
físicas del terreno con suelos arenosos hacen imposible la fijación
de este material (...). El uso de Floradrain (...) es válido para
unas determinadas especies, que no coinciden con las especies
dunares. Otro problema de la construcción es su orientación y
forma, se encuentra formando unha barrera contra los vientos
dominantes que evitan el remonte de la arena provocando probablemente
acumulaciones sobre el edificio, que serán más evidentes en
invierno (...)".
Máis fracaso semella
resultar aínda a pretensión de facer xermolar sementes do
endemismo botánico denominado Omphalodes
littoralis, catalogado
en perigo de extinción, sobre a cuberta do devandito edificio co
obxecto de "conservar" esta especie. De feito, no apartado
5 do E.I.A. (páxina 111), recoñécese que "Esta
opción resulta a priori innovadora, ya que no se han encontrado
experiencias similares para conservación de especies anuales. (...)
desde el punto de vista técnico, cuenta con ciertas dificultades: -
El substrato arenoso hace delicadas las operaciones de decapado y
conservación de la muestra (...). - Esta técnica de manejo supone
(...) un cierto riesgo de introducción de especies invasoras. - No
existen experiencias previas que garanticen el éxito de la medida".
Ademais, tal e como se recolle
no "Atlas y libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España"
descoñécese a bioloxía reproductiva desta especie e debería
iniciarse un estudo da mesma.
Sobre este último punto, destacamos a
contradición que hai en que por un lado se fale de conservar un
banco de sementes na cuberta do edificio e, por outro, nas
infografías da presentación do proxecto se coloque a figuras
humanas disfrutando das excelentes vistas sobre a praia que ofrece.
Contradición que se mantén nas declaracións da Concelleira de
Medio Ambiente publicadas polo Diario de Ferrol o pasado 23 de
febreiro
En canto á "restauración"
dunar prevista, todo parece indicar que non se vai facer distinción
algunha entre a duna móvil e a duna fixa, nen tampouco ter en conta
a disposición natural dos diferentes hábitats e comunidades
botánicas presentes (ou o que quede deles, de levarse a cabo o
proxecto nos seus actuais termos), procedéndose á sustitución dos
hábitats e especies orixinais do ámbito afectado polas obras pola
especie Ammophila
arenaria;
máis propia de dunas móviles.
Segundo se desprende do plano nº 10 do E.I.A.,
titulado "fauna", as infraestruturas proxectadas
localizaríanse nunha área considerada como relevante para a
avifauna, alén de ser unha zona de paso desta. No
apartado 3.4.1.9. do E.I.A. recoñécese que "La
fauna sufrirá el impacto asociado a la construcción de las
instalaciones proyectadas (...) de forma directa sobre la avifauna
(...) e indirectamente por la modificación de hábitats y biotopos".
A instalación dun cercado perimetral durante a fase de execución
das obras ou o cesamento das mesmas durante o período de nidificación das
especies, como medida correctora, non resolverían o problema, dado
que unha vez postas en funcionamento as instalacións o impacto sería
permanente pola presenza humana tanto no edificio como nas pasarelas
peonís proxectadas.
Pese a que no E.I.A. recoñécese o impacto
negativo das obras sobre os hábitats naturais e a flora e fauna
legalmente protexidas, dubidándose incluso a viabilidade das medidas
correctoras propostas, no mesmo atrévense, non obstante, a valorar o
impacto do proxecto como compatíbel; o que resulta carente de todo
rigor e obxectividade. O feito de existiren na zona dunar afectada
hábitats naturais de interese comunitario e especies endémicas en
perigo de extinción xa debería ser motivo máis que suficiente para
descartar a execución do proxecto nese lugar.
|