|
Este venres e sábado celébrase na
Coruña un cumio de Ministros de Transporte europeos baixo o título
de “Transporte Urbano Sustentable”. Por este motivo Verdegaia e
Ecoloxistas en Acción queren destacar o importante desfasamento que
existe entre os discursos de mobilidade sustentable na UE e as
políticas de transporte reais, un desfasamento que resulta abismal
no Estado español e particularmente en Galicia
O transporte é o sector máis
desbocado en canto ás súas emisións de CO2.. Segundo os estudos da
propia UE, a metade destas emisións prodúcense nas zonas urbanas e
metropolitanas.
Efectivamente as emisións de CO2 no
transporte por estrada son as que máis aumentaron desde 1990, tanto
no Estado español practicamente o dobre até 2007 (un 97%), aínda
que logo reducíronse algo pola crise, non polas políticas das
administracións - como en Europa -onde o aumento foi do 32%-. De
feito, o transporte é xa no Estado o sector que máis gases de
efecto invernadoiro emite, por encima do 25% do total. Sendo estes os
datos, é evidente que as cousas non se están facendo ben a pesar
dos discursos de mobilidade sustentable.
Os principais emisores de CO2 son os
coches: queimar 1 litro de combustible supón emitir 2,3 kg de CO2.
Así, cada persoa que utiliza o coche para os seus desprazamentos ao
traballo (cun percorrido medio diario aproximado de 15 km) emite
unhas 2 toneladas de CO2 ao ano só por esta razón. Por este motivo,
para Ecoloxistas en Acción e Verdegaia, as políticas de mobilidade
máis urxentes deben ser simultaneamente de disuasión e estímulo.
Disuasión do uso do automóbil mediante os múltiples mecanismos
posibles (parquímetros, restricións de acceso, peaxes, non
ampliación de estradas, “pacificación” do tráfico. etc.).
Estímulo dos medios máis favorables (melloras no transporte
público, con carrís exclusivos, itinerarios peonís e ciclistas
seguros, ampliación de beirarrúas).
Pero a política Europea e, sobre todo
a española, van por outro camiño:
- Séguese aplicando a receita de
incrementar o viario para solucionar os atoramentos, o que non é
senón unha resposta obsoleta, cara e contraproducente ante os retos
do tráfico. Aí están os plans de autovías das Redes Transeuropeas
(TENt), ou os plans estatais e autonómicos españois. Ao contrario,
reducir a capacidade do viario para os coches permite modos de vida
máis saudables para todos os cidadáns, coa vantaxe de que se
diminúen as emisións de gases de invernadoiro, á vez que se
produce unha mellora na calidade do aire, menor ruído e obtense máis
espazo para a xente.
- Ao mesmo tempo, coas axudas ao sector
do automóbil en toda a UE, anímase a comprar máis coches, xusto a
política contraria que se necesita, pois a aposta debe centrarse no
transporte público. É certo que todos os administradores públicos
falan de mobilidade sustentable, pero non é menos verdade que por
cada euro que se inviste en mobilidade alternativa moitos máis se
gastan en favorecer o uso do automóbil. O resultado: na maior parte
das cidades e zonas metropolitanas europeas cada día utilizamos máis
o coche e menos o transporte público ou os desprazamentos a pé ou
en bicicleta.
- Tamén se centran as esperanzas nas
melloras tecnolóxicas na eficiencia dos automóbiles, pero estas
sempre foron en boa medida neutralizadas e excedidas polo maior uso
dos novos automóbiles, polo que a única estratexia razoable é a de
reducir a súa utilización.
- Agora a gran esperanza para a
sustentabilidade do transporte parece ser o coche eléctrico,
esquecendo que fabricar un coche consome tanta enerxía como a que
emprega para desprazarse 60.000 km, que a electricidade que os
alimenta procede nun 70% de centrais térmicas e nucleares (para o
mix español), que tamén requiren de autovías?
Para Verdegaia e Ecoloxistas en Acción
unha mobilidade sustentable baseada no uso masivo do coche é unha
quimera. A única estratexia razoable é reducir as necesidades de
mobilidade e apostar sen fisuras polo transporte público, algo que,
máis aló dos discursos, non parece estar na axenda dos Ministros de
Transporte da UE.
|