|
Verdegaia esixe ao Concello de Ferrol que responda por escrito á alegación presentada no mes de Xullo ao Estudo de Viabilidade sobre a concesión de obra pública para a construción e explotación dun aparcadoiro soterrado na Praza de Armas, publicado no BOP, xa que ata a data os responsables municipais só informaron a través dos medios de comunicación. Dende Verdegaia, reivindicamos a máxima proteción e salvagarda do barrio histórico da Magdalena como un espazo único, singular e irrepetible, polo que poñemos en cuestión a necesidade e conveniencia do citado aparcadoiro soterrado, tal e como fixemos constar na alegación presentada.
O actual Goberno Municipal presentou ao Pleno do Concello de Ferrol,
este pasado día 6 de Xullo do 2009, un Estudo de Viabilidade para a
construción dun aparcadoiro na Praza de Armas, Praza do Concello,
sendo aprobado polo PSOE e BNG, coa abstención do resto dos grupos
políticos. Pensamos que esta decisión entra en clara contradición
cos compromisos socio -políticos alcanzados e acordados na Axenda21
Local rompendo así o grande pacto social nas políticas de
rehabilitación e peonalización do casco histórico da Magdalena.
Por tanto a decisión de seguir adiante coa construción dun
aparcamento para máis de 200 prazas na Praza do Concello- Praza de
Armas, terá consecuencias negativas e imprevisibles para o patrimonio arquitectónico e monumental do casco histórico da Magdalena.
Facendo un pouco de memoria, temos que remontarnos aos anos 2003 e
2004 cando convidaron ao todo o tecido socio- cultural de Ferrol a
participar na elaboración das distintas mesas da Axenda21 Local na
antiga capela do Torrente Ballester e con posterioridade no IES
Concepción Arenal, onde un cento de representantes das distintas
entidades sociais comezamos a debater e analizar e configurando as
distintas mesas sectoriais e monográficas de caracter económico,
social, medioambiental, patrimonial..etc, no marco da
sustentabilidade e aplicación da Axenda21 Local. As conclusións destas reunións foron moi claras respecto a políticas sociais,
económicas, patrimoniais, medioambientais,..etc, baixo o
convencemento e necesidade de avaliar as novas políticas municipais
para a rehabilitación do barrio da Magdalena. Estas novas
iniciativas consistían na aplicación de medidas políticas
reparadoras e protectoras co patrimonio arquitectónico e monumental
co fin de preservar o casco histórico da Magdalena. Temos que
entender que a accesibilidade e mobilidade do trafico rodado privado
aos Centro Históricos necesitan de políticas correctoras co fin de
evitar o deterioro e degradación deste Patrimonio Arquitectónico e
Histórico. A aplicación de políticas alternativas as declaradas
zonas peonís, consisten en facilitar aparcadoiros nas marxes ou arredores do casco histórico, que están localizados nos
da Praza de España e no Cantón.
Na nosa Cidade de Ferrol estableceuse como vía de entrada a Rúa
do Sol, así como, de saída, a Rúa da Igrexa -Rochel,
permitindo continuar co tráfico rodado as rúas de baixada desde
Canido. O resto das rúas do Barrio da Magdalena estanse declarando
como peonís, para o cal a Xunta de Galicia aportaría 2 millóns de
€ por ano. Está claro que as iniciativas para declarar zonas
peonís deben de aplicar medidas políticas correctoras para tratar
de suprimir todo o posible as prazas privadas de aparcadoiro das rúas
do casco histórico con medidas fiscais, incentivadas ou
subvencionadas co fin de desviar estas prazas aos aparcamento
públicos.
Temos a experiencia da Rúa Dolores, sendo no seu día un motivo de
discusión e preocupación por parte dos comerciantes do lugar, cando
comezaron as obras destinadas a realizar unha rúa peonil. Hoxe
representa xa unha realidade e exemplo de zona peonil que, ademais
impulsa e favorece a actividade comercial desta zona polo que sería
impensable abrir esta rúa ao tráfico privado.
Esta realidade xa está demandada por outros comerciantes do Barrio
da Magdalena que comprenderon o verdadeiro significado das rúas
peonís. Tratamos de explicar que a construción dun aparcamento para
vehículos privados en pleno Centro Histórico da Magdalena atraería
aínda máis o tráfico rodado privado, lonxe da crenza de que con
esta medida daría resposta aos coches, e dicir, pensamos que se
ofertamos 200 aparcamentos máis dentro do Casco Histórico da
Magdalena, sen outro tipo de medidas como a mellora do transporte
público, o resultado final sería unha interminable invasión do
tráfico privado de degradantes consecuencias para noso histórico
barrio.
Hai uns meses pagouse o rescate de 2,4 millóns e Euros das arcas
públicas municipais á concesión comercial e aparcamento da Praza
de Armas, cando quedaban poucos anos para a conclusión da cesión,
parecendo mais ben unha operación comercial de interese privada que
unha xestión de caracter xeral pública. Pretendemos impulsar unhas
políticas sustentables, vangardistas e de futuro, contempladas na
Axenda21Local, respectuosas co medio ambiente, que preserven os seus
patrimonios naturais, monumentais, arquitectónicos e históricos.
Por iso, imos a seguir denunciando as políticas populistas e
innecesarias que atenten contra o noso patrimonio e benestar da
cidadanía.
|