A Presidencia da UE, que España exerce durante o primeiro
semestre de 2010, representa unha oportunidade para iniciar un xiro no modelo
socio-económico que nos levou á crise económica, social e ambiental en que
estamos inmersos. A confederación estatal Ecoloxistas en Acción quere
contribuír a este proceso apuntando algunas claves necesarias para esta
mudanza.
Ecoloxistas
en Acción acha que o Goberno español debe ante todo utilizar a posición de
liderado que lle outorga a Presidencia Europea para iniciar o camiño cara á
sustentabilidade, e para pór as bases dun sistema diferente cuxa lóxica de
funcionamento non sexa o crecemento ilimitado, senón que permita que as
actividades humanas se desenvolvan dentro dos límites físicos do planeta e con
criterios de equidade.
En
primeiro lugar, a Presidencia española debe entender que o crecemento económico
é incompatible coa sustentabilidade. A máxima do crecemento económico
duradoiro, estabelecido na Axenda de Lisboa, impediu o desenvolvemento dos
obxectivos sociais e ambientais e incrementou as inxustizas no acceso aos
recursos a nivel planetario. A nova estratexia de Lisboa (denominada estratexia
UE 2020) que será revisada durante a Presidencia española, debe pór os límites
ambientais do planeta no centro das decisións económicas. Así a UE debe
acometer unha drástica redución absoluta do seu consumo de materiais e enerxía,
así como das súas mochilas ecolóxicas, diminuíndo a súa pegada ecolóxica de
forma sustancial a curto prazo e reparando a débeda ecolóxica contraída cos
países do Sur mediante a explotación dos seus recursos. Traducido isto a temas
candentes durante a Presidencia implica, por exemplo, renunciar á sinatura de
Tratados de Libre Comercio entre a UE e distintos países ou alianzas en América
Latina.
En
segundo lugar, o fracaso do Cumio de Copenhague obriga á Presidencia española a
tomar as rendas da política europea en materia climática. A UE, como un dos
principais emisores de gases de efecto invernadoiro, debe dunha vez por todas
asumir a súa responsabilidade e analisar o pobre papel e a ausencia de
compromiso mantido en dito Cumio. A Presidencia española debe propor á UE unha
redución doméstica do 40% para 2020 a respecto dos niveis de 1990, e un
obxectivo intermedio do 23% de redución entre 2013 e 2017.
En
terceiro lugar, durante 2010 celébrase o Ano Internacional da Biodiversidade, e
a Presidencia española da UE debe decidir tamén o estabelecemento dun novo
obxectivo para deter a perda de biodiversidade após o fracaso do obxectivo
marcado para 2010. España debe estabelecer os mecanismos que permitan pór a
biodiversidade no corazón de todas as políticas sectoriais, especialmente as de
enerxía, transporte, agricultura, auga, industria e turismo. Asemade, a Presidencia
debe emprender un proceso de reforma da política comercial da UE para reducir
de forma drástica o impacto sobre a biodiversidade de países do Sur.
Mediante
o documento de "Prioridades de Ecologistas en Acción de cara a la Presidencia
de la UE 2010", onde se recollen estas e outras propostas, Ecoloxistas en
Acción quere convidar ao Goberno español a que, aproveitando a Presidencia
europea, inicie o camiño do decrecemento que permita avanzar cara a unha
cultura de "vivir mellor con menos".