A asociación para a conservación
e estudo do lobo ibérico ASCEL e Verdegaia presentaron alegacións a ao parque
eólico no alto do Rodicio promovida por Iberdrola e declarado
incomprensiblemente viable pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. O proxecto emprazaríase nunha
zona frecuentada por Águia real, unha especie catalogada en perigo de extinción na comunidade galega, razón suficiente pola que debería
desbotarse o devandito proxecto. Estudos demostraron como parques eólicos
poderían inducir até o 42% da mortandade anual desta rapaz ameazada.
Outras especies como o Bufo real,
a Perdiz, o Sapiño pintoxo, o Furafollas, o Morcego de
ferradura pequeno, o Morcego grande de ferradura, a Rata de auga e o Armiño foron
obviadas no estudo de impacto ambiental; todas elas figuran no catálogo galego
de especies ameazadas (Decreto 88/2007 do 19 de abril).
Ademáis doutras como a Tartaraña cincenta, a
Gatafornela e a
Águia caudal que figuran no catálogo nacional de especies
protexidas (RD
439/1990). Consideramos que este
feito é de relevante gravidade.
O
lobo ibérico será outra das especies afectadas. A instalación dos
aeroxeradores se realizaría na área de campeo dun grupo reproductor ameazando a viabilidade e utilización
dunha zona de encame e reproducción a curto prazo. A proliferación de parques
eólicos en áreas lobeiras (en case que todas as serras con presenza de lobo se
construiron parques eólicos) está a supor unha terrible perda de hábitat para
a especie, que pode ocasionar o abandono de parideiras tradicionais e
irrecuperables. O lobo ibérico é unha especie de interese comunitario (Directiva
1992/43/CEE) e está catalogado como case ameazado. A Avaluación
de Impacto Ambiental do proxecto nin sequer menciona a presenza do lobo na
área de estudo.
O proxecto non aborda diferentes aspectos que poderían aumentar
a súa repercusión na fauna local, como a súa situación na proximidade de
crestas, vales, canóns ou en pendentes moi pronunciadas que pode producir unha
maior mortandade aviar e dos quirópteros (Kingsley y Whittam, 2007). Tampouco se prevé a realización
dun seguimento para analisar as colisións contra os tendidos eléctricos de evacuación. Diversos estudos sinalan
mortandades de até 70 aves/ano de até 24 especies distintas (K.Bevanger &
H. Broseth 2004). Estes feitos son de relevante gravidade se temos en conta a
presenza du núcleo de Águia real que lembramos é unha especie en perigo de
extinción.
Os proxectos de seguimento das afeccións dun parque eólico adoitan
dotarse con fundos escasos e insuficientes para que estes se realicen de
maneira axeitada con resultado de que a maioría das consultoras revisen os
aeroxeradores con demasiado espazo de tempo o que fai pouco probable atopar
quirópteros e aves rapaces seccionados polas aspas, e esa probabilidade diminúe
aínda máis nas serras con presenza de carnívoros, como é o caso.
Por
outra parte, volve a suceder a fragmentación dun macro proxecto eólico noutros
máis pequenos para facilitar de maneira premeditada os trámites ambientais e
tamén poder optar á prima eléctrica máis favorable ao toparse dentro do rango
de instalacións de pequeno tamaño. Isto é especialmente grave se temos en conta
que todo este proceder contravén a normativa reguladora da Avaliación do
Impacto Ambiental, tanto europea, como española e autonómica.
A comunidade galega ten pendente unha
ampliación da Rede Natura 2000, actualmente máis do 41% do negocio eólico se
sitúa xa nesa rede de espazos supostamente protexidos causando serios prexuizos
ao noso medio natural. É obvio que o goberno galego parece perseguir un aumento
desenfreado das enerxías renovables en toda a comunidade sen ter en conta o
noso patrimonio natural e cultural, un ben de toda a cidadanía galega.