|
A Xunta de Galiza ven de se agregar a este espectáculo de feira
das vaidades orquestado polo Concello de Santiago apoiando como
“imprescindíbel” o proxecto do Teleférico ao Monte Gaiás.
Cando aínda non se sabe que facer coa Cidade da Cultura, queren
instalar un teleférico para unir a estación do AVE coa Cidade da
Cultura e o casco vello, cun desnivel de 50 m en apenas mil metros
que suman os dous tramos, para unha cidade que non chega a 100.000
habitantes. E queren comparalo co teleférico de Quito que ten un
desnivel de 1000 m nun percorrido de 2500 m nunha cidade de máis de 2
millóns de habitantes e 3 millóns máis no seu distrito
metropolitano.
A xustificación do desbaldimento de 20 millóns de euros é tan
ridícula coma o teleférico; atraer turismo, como se Compostela
estivera falto del; comunicar a cidade da cultura co centro, coma se
non existira xa transporte público; salvar o pequeno desnivel de 50
m como se non existiran estradas, e o máis esperpéntico, apúntase
a facer uso dunha até o de agora descoñecida sensibilidade
ambiental, facendo fincapé “na vantaxe que aporta desprazar aos
viaxeiros, sen ningún tipo de contaminación, calculando que o
teleférico podería trasladar nunha hora ao equivalente a 40
autobuses de liña”. Se non contamina, como vai funcionar? como
unha tiroliña? coma unha catapulta?
A maiores, seguro que a posíbel construción do teleférico non
evitará as conexións que se teñen previsto facer entre a Cidade da
Cultura e a AP-9 e a SC-20 tamén coa escusa de dar saída ás de
seguro masas inxentes de turistas desexando somerxese na cultura que
aportará esta “cidade”. E moito tememos que tampouco evitará
que existan liñas de transporte urbano que cheguen tamén ate ali. É
dicir, tripliquemos o gasto e as obras para fornecer o mesmo servizo,
xa o dixo alguén .. quen move máquinas, move cartos.
Un organismo como o Icomos, (Consello Internacional de Monumentos
e Sitios Histórico-Artísticos), o único organismo asesor da Unesco
en asuntos de patrimonio xa emitiu un informe ao respecto no ano 2008
no que afirmaba que o impacto paisaxístico do teleférico era
inadmisíbel e que de facerse o Concello estaría incumprindo a
Declaración de Patrimonio da Humanidade. Este informe foi encargado
polo propio Concello e o Consorcio que agora, no cumio da súa
ignorante soberbia, despreza esta conclusión cun simple “o
informe non é vinculante”. Sr. Alcalde, o informe do Icomos pode
non ser vinculante, pero a autorización da Unesco si o é e depende
en grande medida deste informe.
Pedímoslle ao Concello de Santiago que reconduzan cun mínimo de
seriedade o grave problema de mobilidade e transporte que padece
Compostela e a súa cidadanía, que á que reside na cidade e soporta
durante todo o ano as súas consecuencias, mellorando o transporte
urbano, límitando de entrada de vehículos á cidade e favorecendo
os modos de transporte non contaminantes. E se queren facer unha nova
conexión de transporte para o Gaias dende a futura estación
intermodal, lembrámolles que no programa electoral de ambos os dous
socios de goberno municipal falábase da conexión ferroviaria co
aeroporto, que debera ser o inicio da conexión de ferrocarril entre
Compostela e Lugo, que ben podería ter unha parada ás portas do
Gaias.
Nesta feira da vaidades todo ten cabida, a seguinte proposta da
feira podería ser un heliporto para levar turistas á cidade da
cultura, mentres ficamos sen transporte urbano, sen carril
bici, sen posibilidade de movernos pola cidade dun xeito sustentábel.
|