A Fiscalía Ambiental abre o caso das escouras de Ferroatlántica ante a denuncia de Verdegaia
Wednesday, 23 de December do 2009
Verdegaia compareceu onte perante a Fiscalía de Medio Ambiente para lle apresentar un informe no que analisa a vertedura de resíduos
industriais con componentes canceríxenas nunha antiga mina do lugar
da Brea en Carballo. Mais de 20.000 tm de escouras de silicomanganés
procedentes da fábrica de Ferrotalántica en Cee foron soterradas no
ano 2006 na Brea; e en contra de todas as disposicións legais e
mália a apertura de expedientes en diferentes instancias, continua
hoxe a vertedura de lixiviados aos ríos e fontes, ás explotacións
agrogandeiras, e mesmo a dúas piscifactorías de troita da contorna.
Os mesmos materiais xa foran causantes
dun grave episodio de contaminación na ría de Corcubión que
provocou un nível de canceríxenos nos moluscos 35 veces superior ao
limiar máximo admitido pola UE. O grupo Ferroatlántica, do
industrial madrileño Villar Mir e baixo o lema "natureza en
positivo", declaraba aquel ano uns beneficios de 135MM€, porén
resistiuse a investir nunha planta de tratamento das perigosas
substancias e optaba por agochar o refugallo nun monte a través do
seu parceiro Desguaces Lema S.L. que foi imputado por delito
ecolóxico.
CLAROS INDICIOS DE DELITO ECOLÓXICO, E
PREVARICACIÓN NA XUNTA
O fiscal do ambiente de Galiza,
Alvaro García Ortiz, recoñeceu na reunión de hoxe que os indicios
de delito ecolóxico son claros e que proceden de contado dilixencias
para reabrir o expediente xunto con outro novo que investigará se
houbo prevaricación por parte de Joaquín Lucas Buergo del Río,
alto cargo da Xunta, que en 2008 respondía ao xuiz cun informe que
ocultaba toda a información relevante e que dou pé ao escandaloso
arquivo da causa.
RESOLUCIÓN ANTE CONTAMINANTES QUE SEGUEN A
IR Á CADEA TRÓFICA
Verdegaia exixe que se chegue ao fondo do
asunto, e encamiñou ao fiscal a preocupación expresada pola
viciñanza nunha asemblea celebrada en Carballo a semana pasada onde
se preguntaba con anguria se se podía beber a auga dos pozos e as
fontes, se se podía acomerar o gando nas leiras regadas polo
lixiviados, ou mesmo se era seguro consumir as troitas que se estaban
a producir nas piscifactorías. Os informes da UE estabelecen
claramente que esta familia de substancias mutaxénicas son
transportadas nas augas e acumuladas nas graxas dos seres vivos como
os peixes ou os mamíferos, chegando por esta vía a producir graves
patoloxías no ser humano e o ecosistema.
Agárdase que
nesta ocasión, a cobiza das grandes empresas que impunemente están
a magoar o noso ecosistema e a nosa saúde, receba certeiramente o
peso da lei, restaurándose o medio natural e estabelecendo as
correspondentes sancións penais.