Unión Penosa, tamén en América Latina

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Unión Fenosa, transnacional do sector enerxético de capital español, é responsábel de violacións dos direitos humanos e graves impactos ambientais en Latinoamérica, segundo denuncia a campaña internacional “A (i)responsabilidade social de Unión Penosa: Nicaragua ás escuras”.

Organizacións do Estado español e Nicaragua veñen de pór en marcha unha campaña internacional para denunciar as actuacións da compañía Unión Fenosa neste país e en Colombia, Costa Rica e Guatemala. A campaña púxose en marcha por mor da crise humana que a transnacional de capital español está a provocar en Nicaragua, onde se dan cortes diarios do subministro eléctrico de até doce horas.

Segundo denuncia a campaña, Unión Fenosa adquiriu dun modo pouco transparente o monopolio da distribución eléctrica no país centroamericano. Feito isto, sen mellorar a calidade do servizo e sen investir no mantimento e renovación dunha infraestrutura que ten unhas perdas técnicas do 33% da enerxía transportada, aumentou as tarifas aos/ás consumidoræs con menores ingresos o 100% en cinco anos, ademais de alterar a facturación e aplicar a esta cargos extra.

A campaña exixe:

- A Unión Fenosa
Que subsane a situación, indemnice á populación afectada e abandone Nicaragua renunciando a calquer tipo de indemnización

- Ao goberno nicaraguano e ao seu presidente, Enrique Bolaños
Que deixe de protexer a Unión Fenosa como se fose o seu negocio e non a subvencione con diñeiro público.

- Ao goberno español e ao seu presidente, José Luís Rodríguez Zapatero
Que deixe de apoiar os intereses de Unión Fenosa en Nicaragua, pois supón avanzar en dirección contraria á axuda que desde o propio Estado español se está a outorgar para o desenvolvimento dese país.

- Aos candidatos á presidencia de Nicaragua
Que teñan unha postura firme na resolución do conflito con Unión Fenosa e tomen medidas de control para que a transnacional cumpra os compromisos adquiridos.
Que desenvolvan unha política enerxética efectiva que reduza a dependencia na xeración de enerxía térmica, así como unha estratexia de desenvolvimento do sector que se dirixa a solucións a curto, medio e longo prazo.

- A ACS, Caixa Galicia e CaixaNova, principais accionistas e, xa que logo, propietarios de Unión Fenosa
Que exixan que se poña fin a esta grave situación, ou do contrario serán corresponsábeis das graves violacións de direitos que se están a dar en Nicaragua

Máis información:
A (i)responsabilidade social de Unión Penosa


Powered by Bullraider.com