O automóbil é unha das maiores fontes de emisión de gases causantes do cambio climático

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo
atascoNo Día de “A cidade sen o meu coche”, dedicado este ano ao cambio climático, a asociación ecoloxista Verdegaia destaca a importancia crecente do automóbil, e do transporte en xeral, como fonte de gases causantes do cambio climático. Entre 1990 e 2002, as emisións do sector do transporte en Galicia aumentaron nun 70%, cando no conxunto de Europa o aumento foi inferior ao 25%. Grande parte das emisións do transporte prodúcense nos desprazamentos urbanos e a inmensa maioría teñen a súa orixe no automóbil. Verdegaia reclama medidas enérxicas que reduzan o tráfico automobilístico urbano, para facer cidades a vilas máis saudábeis e para prevenir o cambio climático.

O sector do transporte é o que máis está a aumentar as súas emisións de gases de efecto invernadoiro e xa representaba o 17% do total das emisións galegas en 2000, sendo a principal fonte de emisión logo das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama. Isto é debido fundamentalmente ao crecemento urbanístico disperso, á construción de novas infraestruturas que potencian aínda máis as viaxes en coche e á marxinalización política do transporte público, a bicicleta e a marcha a pé. As viaxes en transporte público urbano diminuíron en Galicia nun 4,9% no período 1998-2003.

Usar de forma abusiva o coche debería ser percibido como algo insolidario. Queimar 1 litro de combustible supón emitir, entre outros contaminantes, 2,3 kg de dióxido de carbono (CO2), o principal gas causante do cambio climático. A meirande parte das viaxes urbanas en automóbil son para distancias inferiores aos 4 quilómetros. Así, cada persoa que utiliza o coche para os seus desprazamentos ao traballo (cun percorrido medio diario de 15 km) emite arredor de 2 toneladas de CO2 ao ano só por esta razón.

Para mellorar a calidade de vida nas cidades, para reducir os elevados custos económicos do transporte e para combater o cambio climático, o principal problema ambiental global, Concellos, Xunta e Goberno central deben alterar as súas prioridades en materia de transporte e infraestruturas, algo que é apuntado mesmo en documentos oficiais como o Plano estatal para cumprir o Protocolo de Quioto.

Cómpre aplicar medidas urxentes para reducir o uso do coche e para transvasar viaxeiros ao transporte público e aumentar os desprazamentos non motorizados, isto é, andar ou pedalar. Como sinala a propia Comisión Europea, isto require de accións tanto de disuasión do emprego do coche particular como de estímulo do uso dos medios máis ecolóxicos. Moitas desas medidas xa están a ser aplicadas con éxito en diversas cidades europeas, mais a súa aplicación no noso país é aínda moi limitada.

Entre as medidas de estímulo posibles, Verdegaia fai fincapé nas seguintes accións:

  1. A mellora do transporte público, en cantidade e calidade: mellora de frecuencias, ampliación de horarios (incluídos nocturnos), billetes combinados, implantación de carrís-bus, etc.

  2. .O establecemento de servizos de ferrocarril de cercanías e a construción dunha nova liña entre Santiago e o aeroporto de Labacolla, cuxa prolongación sirva para unir Santiago e Lugo por tren.

  3. A implantación dunha rede básica de vías ciclistas, formada por vías ciclistas e rúas tranquilas e espazos seguros compartidos con outros medios de transporte, para dar continuidade e seguridade ao desprazamento en bicicleta. Estacionamentos para bicis ou acceso en bicicleta ao transporte público serían outras medidas que facilitarían a universalización dun modo de transporte que, como mostra a experiencia de moitas cidades, non é só para lugares chans ou pouco chuviosos.

  4. Medidas para calmar o tráfico, como limitar a velocidade a 20-30 km/h nos barrios, dando prioridade a peóns e ciclistas, realizando itinerarios sinuosos para os coches, colocando bandas elevadas na calzada,....

  5. Fomento da peonalidade, con medidas como a creación de redes de itinerarios peonais,
    a ampliación de beirarrúas, o establecemento de pasos de peóns seguros e amplos en tódolos cruzamentos ou o aumento dos tempos de paso semafóricos.

  6. Nova concepción do desenvolvemento urbanístico, freando a dispersión e a segregación de usos. As cidades teñen que recuperar a súa escala humana, na que a cercanía dos servizos sexa a característica principal, baseada na descentralización. Un lugar é máis accesíbel canto menos distancia haxa para chegar a el. A creación de proximidade é o piar básico da mobilidade sustentábel.

As medidas anteriores débense implantar de forma parelela a outras que disuadan do uso do coche. Entre esas medidas, Verdegaia destaca as seguintes:

  1. Moratoria na construción de infraestruturas de transporte pensadas para o automóbil: autovías, autoestradas, túneis, etc. Estas custosas infraestruturas estimulan o uso do coche de tal xeito que en pouco tempo se anulan os seus efectos positivos sobre a conxestión do tráfico. Deberían ser a derradeira solución, e non a primeira, como acontece hoxe.

  2. Restrición do acceso do automóbil ás cidades: eliminación de prazas de estacionamento no centro e creación de estacionamentos disuasorios na periferia, implantación de parquímetros, prohibición de entrada a determinado tipo de vehículos, etc. Mesmo se debería estudar a implantación de peaxes urbanas cuxa recadación se investise no transporte público, como xa están a facer algunhas cidades en Europa e suxire o Plano estatal para cumprir o Protocolo de Quioto.

  3. Medidas fiscais: taxa sobre o litro de combustíbel, imposto de circulación progresivo en función do tamaño e consumos do automóbil, eliminación do IVE no transporte público e na venda de bicicletas.



Powered by Bullraider.com