Nos últimos 20 anos estamos a asistir a unha explosión da demanda de transporte desmesurada que esta a convertelo nunha da principais causas da crise ecolóxica global actual e nun dos problemas fundamentais da nosa sociedade. As consecuencias están á vista: efecto invernadoiro, contaminación acústica, atmosférica e do chan, depauperización da calidade de vida nas cidades, incremento da accidentalidade..... Alén das estritamente ambientais, o impacto da actual configuración do transporte e a mobilidade, intimamente ligado ao sistema económico imperante ate converterse de feito nun valor en si mesmo, ten fondas implicacións sanitarias e sociais que xeran inxustizas e exclusións. A valoración económica do custo do transporte evita a cuantificación deste tipo de danos polo que o seu balanzo económico fica distorsionado. Os enormes custos externos resultantes supoñen unha carga directa sobre o conxunto da sociedade, independentemente da frecuencia e medio empregado. Cómpre dar un xiro radical na forma de entender o transporte, aplicando criterios ecolóxicos e de sustentabilidade na súa xestión e apostando decididamente por políticas públicas de creación de cercanía que facliten o emprego dos modos de transporte máis ecolóxicos, camiñar e a bicicleta, e pola xestión da mobilidade a través de redes de transporte público colectivo, medidas aplicadas conxuntamente con outras que desincentiven drásticamente o emprego do automóbil privado.
|