Presentadas dúas denuncias diante da Fiscalía polos vertedoiros de As Nogais e Baralla
- Detalles
- Publicado o Venres, 29 Setembro 2006 01:00
- Visitas: 2598
O pasado
mércores Verdegaia reuniuse co Fiscal de Medio Ambiente,
Álvaro García Ortiz para presentar dúas
denuncias por posíbel delito ambiental pola existencia de dous
vertedoiros ilegais, un en Baralla e outro en As Nogais, empregados
habitualmente polos respectivos concellos. Ámbolos dous
vertedoiros carecen da máis mínima medida de control,
incumprindo a lexislación vixente e presentan grave risco de
contaminación.
O vertedoiro de Baralla está situado sobre unha ladeira, a escasos 100 metros do río Neira e augas arriba dunha piscifactoría e o de As Nogais preto do cumio do monte Lago Seco, nas estribacións da Serra dos Ancares.
Entre as irregularidades detectadas destacan a ausencia dun sistema de canalización e depuración de lixiviados, non hai impermeabilización do chan dos vertedoiros, non teñen ningún tipo de medida contra as filtracións de líquidos contaminantes, non contan con peche de seguridade que impida o acceso ao recinto, mestúranse residuos de todo tipo incluídos perigosos como pilas, aerosois, neumáticos, non gardan unha distancia mínima de seguridade coas masas forestais que os rodean e mesmo o de Baralla arde periodicamente.
A existencia
deste tipo de recintos sen control supoñen unha grave ameaza
ambiental para a súa contorna pola súa capacidade
contaminante en acuíferos, solos, arrastres pola chuvia,
emisións de gases e tamén para a seguridade das persoas
ao non estaren dotados de medidas de restrición de acceso.
Tamén son unha proba máis de desleixo no exercicio dos
labores de inspección e control por parte da Consellería
de Medio Ambiente e a irresponsabilidade coa que se enfronta, dende
determinados concellos, o problema dos residuos.
Na súa denuncia, Verdegaia insta á fiscalía a investigar pormenorizadamente os feitos e determinar a persoa ou persoas responsábeis para proceder xudicialmente contra eles.





