Curso de verán da Universidade de Santiago que ten lugar en Monforte de Lemos durante os días 16, 17 e 18 de xullo.
A nosa tradicional paisaxe agraria resulta dunha xenuína síntese entre natureza e cultura. Constitúe un legado de séculos de acción humana en connivencia co medio, sendo depositaria da historia e da cultura rural. Por iso que antano foi considerada como expresión simbólica da nosa identidade. Andado o tempo, e mediante estereotipos literarios, pictóricos, publicitarios e sociais, creouse unha imaxe ideal da paisaxe que foi calando no noso imaxinario cultural. Sen embargo, en tanto que a paisaxe mental se ía idealizando, a paisaxe real foi mudando, até o punto de haber entre elas xa pouca coincidencia. Por tanto, agora cómpre ollar para a paisaxe tanto na súa imaxe real como na súa imaxe cultural, pormenorizar na súa estrutura e valores, e analizar en que medida aínda sustenta as raíces da nosa identidade.