|
A rede de colectivos A RIA NON SE VENDE,
composta por diversas asociacións que cobren coas súas actividades todo
o perímetro da ría viguesa, e integrada ao tempo na rede nacional GALIZA
NON SE VENDE, entende que son moitas as razóns para convocar esta
manifestación en defensa do patrimonio natural, social, económico e
cultural da Ría de Vigo.
En primeiro lugar debemos valorar a
situación actual produto de políticas destrutivas por parte das
diferentes administracións: recheos, contaminación, depuración
ineficaz, alteración das correntes mariñas e destrución dos recursos
pesqueiros e marisqueiros, urbanismo salvaxe e destrución da paisaxe,
portos deportivos privatizadores, unha Autoridade Portuaria caótica e
depredadora, desprezo pola identidade e patrimonio cultural...
Fronte a isto, A RIA NON SE VENDE defende:
A preservación da Ría de Vigo como fonte de vida, traballo e riqueza natural.
A defensa da explotación pesqueira e
marisqueira fronte á especulación urbanística e industrial, apostando
polo mantemento dos máis de 15.000 postos de traballo que dependen
directamente dos recursos produtivos da Ría de Vigo.
A eliminación da contaminación actual
mediante a aplicación de medidas racionais de separación de pluviais,
control de vertidos, xunto á utilización de sistemas de depuración de
demostrada eficacia e non contaminantes.
A paralización inmediata dos proxectos
de recheos previstos pola Autoridade Portuaria de Vigo e o levantamento
dos infrautilizados.
O punto final para a instalación de máis portos deportivos na ría, así como reclamar a aplicación da lei nos xa existentes.
A consideración efectiva da Ría de Vigo
como un ben público de disfrute colectivo, mediante a conservación da
súa paisaxe e forma de vida, fronte a destrución da natureza a mans de
intereses políticos e particulares.
Por todo isto, cremos compartir razóns e
esperanzas con toda a veciñanza que vivimos nesta Ría de Vigo, non
queremos malvivir baixo unha faixa de cemento, merda e iates de luxo. E
polo tanto convidamos a todos os sectores sociais que sintan súa a
defensa da Ría de Vigo, a participar na MANIFESTACIÓN DO 25 DE MAIO ás
12:00 h. dende a Praza da Estrela até Bouzas.
A RÍA NON SE VENDE
Powered by AkoComment! |