Skip to content

www.verdegaia.org/bicis

Inicio arrow MC Compostela arrow Segundo aniversario da Masa Critica en Compostela
Segundo aniversario da Masa Critica en Compostela PDF Imprimir Correo-e

Mañá mércores día 25 celébrase unha vez máis a Masa Crítica de Compostela, as 20:30 na Praza de Galicia. Cúmprense así dous anos dende o inicio da celebración da Masa Crítica en Santiago, na que ciclousuarios e ciclousuarias de Compostela xúntanse unha vez ao mes para realizar un paseo colectivo en bicicleta, reivindicando o papel da bicicleta como ferramenta de transporte e a súa centralidade nun proxecto de cidade sustentábel, humana e socialmente xusta.

Actualmente Compostela sobordou amplamente a súa capacidade de absorción de tráfico motorizado. Adoitamos contemplar un día si e outro tamén o caos provocado pola saturación de automóbiles: contaminación atmosférica, acústica, deshumanización das rúas convertidas nun espazo hostil no canto de ser un lugar de socialización da cidadanía...

Temos que ser conscientes da pegada ecolóxica que conlevan as nosas necesidades de desprazamento, dos custos ambientais e sociais que representan. Cómpre avaliar a realidade desas necesidades e o xeito de realizalas co menor custo posible. Hai que recuperar a nosa centralidade como parte da cidade, desbotando o coche, e a actitude que representa, do noso xeito de vida. Debemos reocupar as rúas, as prazas, e recuperar a convivencia, o xogo na rúa. En definitiva, temos que rehumanizar as cidades. Un elemento fundamental nesa humanización son as posibilidades que ofrece a bicicleta.

A bicicleta non é unicamente un medio de transporte, é un elemento socializador, de saúde, liberador, divertido, que ademáis contribúe a nosa mobilidade. É o instrumento fundamental para dar un xiro radical as políticas urbanísticas e convivenciais das nosas cidades e vilas e, integrada co transporte público colectivo, solucionar os problemas que o automóbil particular está a ocasionar na nosa sociedade. Supón unha actitude vital, de respecto ao medio ambiente e ás persoas.

MASA CRÍTICA EN COMPOSTELA, OS ÚLTIMOS MÉRCORES DE CADA MES AS 20:30 NA PRAZA DE GALIZA (XUNTO Á CASETA DE TURISMO)

 
< Ant.   Seg. >