Skip to content

www.verdegaia.org/bicis

Inicio
Comezan os Encontrinhos cicloturistas 2014 PDF Imprimir Correo-e

Este 19 de xullo darán comezo os Encontrinhos cicloturistas 2014, que este ano propoñen un descenso pola cunca do río Miño, dende Ourense até Caminha, cunha coda final até a vila de Baiona, o día 25 de xullo. 

Os Encontrinhos están organizados pola asociación ecoloxista Verdegaia e forman parte da tradición de encontros cicloturistas promovidos por ConBici, Coordinadora estatal en defensa da bici, dende o 1985. O carácter destes encontros e rutas ciclistas é unha mestura de compoñentes lúdicas e reivindicativas. Trátase de coñecer xentes e lugares, pero facelo dun xeito diferente, demostrando o valor da mobilidade en bicicleta, a súa potencialidade tanto dende o aspecto medio ambiental como persoal.

O actual sistema de mobilidade, que prima os vehículos a motor privados sobre calquera outra alternativa, é o peor dos posibles: emisión de gases de efecto invernadoiro, segmentación de ecosistemas ou o deterioro do medio rural, son só algunhas das súas consecuencias negativas. Porén, son posibles as alternativas. Tanto para o turismo como para o trasporte cotián, a bici supón un elemento central dun cambio de modelo cara unha mobilidade realmente sustentable, nun mundo que non pode permitirse continuar con esta dependencia total dos combustibles fósiles.

 O programa dos Encontrinhos para este 2014 comeza o sábado 19, cunha etapa previa, de quecemento, entre Ourense e Allariz. Despois, grande parte do seu percorrido transcorre pola beira do río Miño, atravesando polo tanto zonas LIC (Lugar de interese comunitario). No tramo final do rio pasaremos polo seu esteiro, zona ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves). Coñeceremos diferentes vilas de fonda tradición termal como Ourense, Ribadavia ou Cortegada, nun percorrido de grande atractivo paisaxístico no que tamén poderemos ollar as diferenzas urbanísticas entre Galiza e Portugal, xa que ao longo desta semana internarémonos alén da raia. Visitaremos diferentes vilas lusas como Monçao, Valença ou Caminha. Xa en Caminha realizaremos un roteiro ambiental a pé polas dunas e piñeiral de Camarido, así como pola beira da Foz do Miño. Tamén teremos a oportunidade de desenvolver diferentes actividades complementarias, coa característica mestura de lecer e reivindicación.

O domingo 20, ás 20 horas, recibiremos a todas as persoas participantes, máis de 100, e organizaremos unha acción xunto coa Sociedade Galega de Educación Ambiental: sairemos en bicicleta da Praza Don Bosco, percorrendo as rúas da cidade de Ourense, para concentrármonos ás 21h diante das obras do Centro de Recursos Naturais desta cidade, “ecomausoleo" que reflexa o pouco sentido e mala xestión dos espazos naturais e os recursos adicados ao medio ambiente por parte das administracións. Queremos con isto denunciar os continuados peches das aulas de natureza e centros de interpretación dos espazos naturais galegos, mentres os poucos recursos adicados á educación ambiental dilapídanse nesta construción, cementando o futuro da nosa educación ambiental e a xestión de espazos naturais.

Pódese consultar o programa dos Encontrinhos 2014 na seguinte ligazón:

http://encontrinhos2014.wordpress.com/2014/07/15/o-programa-tic-tac-tic-tac/

 
Seg. >

facebook

Publica en Bicis.Info

Se queres enviar unha foto, un texto, unha denuncia,  un artigo, unha ligazón ou calquera outro documento para colgar na web podes facelo escribindo ao Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver