Skip to content

www.verdegaia.org/bicis

Inicio
Arousa en bicicleta apoia as bicicletas públicas e colaborará no deseño do servizo PDF Imprimir Correo-e
O colectivo Arousa en bicicleta recibiu onte con satisfacción a confirmación de que Vilagarcía disporá dun servizo público de bicicletas antes de xuño do próximo ano. A iniciativa, que dispón para o seu desenvolvemento dunha axuda de 140.000 euros procedentes do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) foi comunicada aos responsables da entidade pola concelleira de Promoción Económica e principal impulsora do proxecto, a nacionalista Rosa Abuín, nunha reunión celebrada o luns.

O secretario de Arousa en bicicleta, Emilio González, sostén, con respecto á implantación da rede pública, que «é preciso apoiar e distinguir as cousas ben feitas e as ideas boas». Neste sentido, garante a colaboración do colectivo ciclista vilagarcián no deseño e desenvolvemento do servizo. Os 140.000 euros dispostos polo Inega implican a asunción dunha serie de compromisos mínimos por parte do Concello. Entre eles, a instalación de polo menos tres estacións para o préstamo e recollida dos vehículos, e a dotación dunha flota que non debe baixar das corenta bicicletas. «Sempre será interesante contar co meirande número posible de puntos de préstamo, e pódense ser seis en lugar de catro, mellor, pero hai que ser conscientes de que existen limitacións económicas», apunta González.

O proxecto concreto, así como a fórmula que Ravella empregará á hora de solucionar o préstamo dos vehículos, precisa dunha ampla análise por parte dos responsables municipais. En principio, Arousa en bicicleta expón algunhas ideas sobre as que ir pensando. Por exemplo, a conveniencia de que as estacións se sitúen na contorna das grandes bolsas de aparcadoiro que rodean o centro urbano de Vilagarcía. é o caso da zona de estacionamento da rotonda de Luz Salgada, da chaira de Fexdega ou da antiga TIR. Tampouco deberían descoidarse lugares estratéxicos, polo que respecta á vida social dos vilagarciáns, como a estación de ferrocarril, a contorna do Cavadelo ou a propia praza da Peixería. Pero tamén de Carril, Vilaxoán e o complexo polideportivo de Fontecarmoa. En todo caso, moitos son os emprazamentos interesantes e limitados os diñeiros cos que o servizo iniciará a súa andaina, polo que o Concello terá que establecer un sistema de prioridades.

Unha senda ata O Rial

Outro punto que Arousa en bicicleta destaca é a conveniencia de impulsar este proxecto desde a perspectiva do Plan de Mobilidade que Ravella incorporará no redeseño do PXOM. Cuestións como a sinalización vertical común a ciclistas e a peóns ou a implantación de zonas 30, é dicir, de tramos do centro da cidade nos que a circulación motorizada non poida superar os 30 quilómetros por hora, forman parte, tamén, deste paquete de iniciativas.

O colectivo vilagarcián indica, para rematar, a perspectiva de estender o carril-bici, que actualmente morre na punta de Ferrazo, ata a ensenada do Rial. Un vello proxecto no que traballa o Ministerio de Medio Ambiente e que aínda non viu a luz. En realidade, o horizonte último deste tipo de intervencións é lograr unha senda verde que permita unir Bamio co Grove, unha actuación branda que permita o uso da bicicleta.

Fonte: La Voz de Galicia 

 
< Ant.   Seg. >

facebook

Publica en Bicis.Info

Se queres enviar unha foto, un texto, unha denuncia,  un artigo, unha ligazón ou calquera outro documento para colgar na web podes facelo escribindo ao Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver